Thursday 16 de May de 2024

O concello concorre a convocatorias da Xunta de Galicia dirixidas á promoción do emprego


A Xunta de Goberno Local tamén acordou solicitar a participación en programas da Deputación e da FEMP para o desenvolvemento de festivais e de actividades en materia de xuventude.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer a programas convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia dirixidos a fomentar o emprego.

Por unha parte está o programa Aprol Rural a través do que o Concello pretende formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes composta por tres persoas que se atopen en situación de desemprego e que serían contratadas por un período de nove meses a xornada completa. As tarefas que se lles encomendarían estarían relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Ademais, acordouse concorrer á convocatoria para a realización de actividades de orientación laboral, solicitando a cooperación económica para o mantemento durante outros doce meses dese servizo municipal.

O Concello tamén concorrerá á convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e artes escénicas que se leven a cabo ao longo deste ano.

E, do mesmo xeito, presentouse unha proposta á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no marco do programa de axudas para a financiación de actividades a desenvolver polas corporacións locais en materia de xuventude.